Wednesday 15 de May de 2024

O Concello instalará no paseo marítimo o primeiro parque de calistenia de Cariño


· O proxecto, que conta cun orzamento de 26.589 euros, permitirá crear un espazo deportivo con 8 aparellos.

O Concello de Cariño reforza a súa aposta polo fomento da actividade deportiva no municipio coa instalación do primeiro parque de calistenia do municipio, que estará situado en pleno paseo marítimo, nunha zona verde á altura da rúa Río Seixo.
O proxecto, que conta cun orzamento de 26.589 euros e que acaba de ser adxudicado, permitirá crear un espazo rectangular de 235 metros cadrados, unha superficie de herba natural e 8 aparellos xunto cos seus correspondentes carteis informativos para o seu uso correcto. Ademais, a actuación inclúe a instalación de 3 bancos e 2 papeleiras para completar o conxunto.
Os aparellos que se instalarán o parque de calistenia son: catro bancos de salto, barras paralelas, barras de flexións, banco de exercicios, barra de equilibrio, gaiola de exercicios (equipada con barras simples, pórtico de argolas, escaleira inclinada, barra de dominadas, barras triangulares, espaldera e escaleira horizontal).
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destaca a importancia deste tipo de proxectos “que permiten aos veciños e veciñas de Cariño practicar deporte ao aire libre dunha forma fácil, accesible, e para todos os públicos nunha contorna privilexiada como é do paseo marítimo”.